Coidando o planeta desde Galicia: aprendizaxe ambiental en SOGAMA

Coidando o planeta desde Galicia: aprendizaxe ambiental en SOGAMA
23. 10. 2025. Category Icon Blog

Coidando o planeta desde Galicia: aprendizaxe ambiental en SOGAMA

O mércores o alumnado participante na mobilidade Erasmus realizou unha visita ao Complexo Medioambiental de SOGAMA en Cerceda, unha das actividades centrais da semana pola súa relación directa co tema do proxecto: a sustentabilidade e o coidado do medio ambiente.

O grupo, composto por estudantes de 3º e 4º da ESO do noso centro e por alumnado e profesorado de Serbia, participou nunha charla impartida por educadores especializados, na que se abordou o grave problema da produción masiva de residuos e o papel da cidadanía na súa redución a través da regra das 3R: reducir, reutilizar e reciclar.

A continuación, o alumnado realizou unha visita virtual inmersiva en 360º polas instalacións do complexo, coñecendo o funcionamento das plantas de clasificación, reciclaxe, elaboración de combustible e valorización enerxética. A actividade permitiu comprender como se transforman os residuos en materiais reutilizables ou mesmo en enerxía capaz de abastecer fogares galegos, evitando o depósito en vertedoiros.

A xornada rematou cun coloquio no que o alumnado puido formular preguntas, compartir reflexións e tomar conciencia da responsabilidade individual e colectiva fronte ao cambio climático.

Foi unha experiencia altamente formativa, que reforzou o compromiso do grupo co coidado do planeta e coa construción dun futuro máis sostible.