09. 06. 2026.
Inicio
Un dos principais obxectivos do noso proxecto Erasmus+ Kompostiraj – Recikliraj! non era só producir compost a partir de residuos orgánicos, senón tamén comprobar científicamente que era seguro e axeitado para empregalo no horto escolar.
Despois de varios meses compostando mondas de froita e restos vexetais, o alumnado realizou a primeira análise fisicoquímica do compost. Estudáronse a cor, o cheiro, a textura, a humidade e o pH mediante un protocolo científico desenvolvido durante o proxecto, empregando un medidor dixital de pH e tiras indicadoras.
Os primeiros resultados mostraron que o compost aínda estaba en proceso de maduración. Aínda que a descomposición avanzaba correctamente, permanecían algúns restos orgánicos pouco transformados e o compost non reunía aínda as condicións necesarias para empregarse como fertilizante. O alumnado comprobou así que utilizar compost inmaduro pode resultar prexudicial, xa que pode conter microorganismos e materia orgánica aínda inestable.
Varias semanas despois repetiuse a análise. Nesta ocasión, o compost presentaba todas as características dun compost maduro: cor marrón escura, cheiro a terra, textura desmenuzable, ausencia de restos frescos e un pH neutro axeitado para a maioría dos cultivos do horto.
Os resultados confirmaron que o compost podía empregarse con total seguridade como abono orgánico no horto escolar. O seguinte reto será producir unha maior cantidade durante o vindeiro curso para incorporalo de maneira habitual ao cultivo do horto.