Xestión de residuos na escola: redución, reutilización e reciclaxe

Xestión de residuos na escola: redución, reutilización e reciclaxe
16. 02. 2026. Category Icon Blog

Xestión de residuos na escola: redución, reutilización e reciclaxe

No noso centro, a responsabilidade ambiental forma parte da nosa rutina diaria. Implantamos un sistema de separación de residuos con catro colectores de cores distribuídos polos patios e zonas comúns: Amarelo para envases e plásticos, Azul para papel e cartón, Marrón para residuos orgánicos e Verde para o resto. 

Este sistema axuda ao alumnado a adquirir hábitos responsables de reciclaxe desde idades temperás e reforza a conciencia ambiental en toda a comunidade educativa. 

Ademais, estamos a desenvolver un proxecto específico de reciclaxe de porexpán (poliestireno expandido). Este material, moi empregado en embalaxes, ocupa moito volume pero pode reducirse considerablemente. Ao disolvelo en acetona, o seu volume diminúe aproximadamente un 97%, facilitando a súa xestión e reutilización. 

O material resultante pode moldearse e transformarse en pequenos obxectos como accesorios, elementos decorativos ou bixutería. Con esta iniciativa, o alumnado aprende sobre propiedades dos materiais, procesos químicos e principios de economía circular.